Este é un novo episodio do podcast Retrato Sonoro, en Sons.red. Nesta ocasión mergullámonos no olor da fariña quente e no crepitar da leña, nese universo onde o pan transcende a súa función de alimento para converterse en memoria, identidade e oficio. Viaxamos a Loureda, en Arteixo (A Coruña), para achegarnos a un forno que leva décadas mantendo viva unha tradición transmitida de xeración en xeración, coma un segredo cotián que non precisa explicación.
O protagonista da conversa é Emilio Souto Rega, da panadería Morales, quen nos conduce pola historia familiar que deu orixe ao obradoiro. Conta como o seu pai, tras pasar por un hospicio e fuxir del, foi acollido por unha familia en Lañas. Alí naceu, case sen pretendelo, o vínculo co pan que acabaría definindo o futuro da familia e o nacemento da panadería Morales.
Ao longo do episodio falamos do equilibrio —ás veces fráxil— entre tradición e industria, e das luces e sombras de etiquetas como a IXP, que recoñecen un labor artesán pero tamén engaden papeis e burocracia.
Comentamos o funcionamento dun forno de leña, un oficio que esixe precisión, paciencia e unha dedicación diaria compartida con seres queridos.
Porque o pan galego non é só alimento: é unha aprendizaxe sobre o tempo, a espera e o valor de compartir. A man que amasa, o lume que coce e os repousos da masa falan dunha cultura transmitida a través da práctica e a memoria.
No episodio tamén facemos referencia á presenza dixital da panadería, especialmente á súa conta de Instagram @moralespanaderia, que permite seguir o día a día do forno e completar con imaxes o retrato sonoro desta historia. E nestas ligazóns a Youtube, atoparás da canle de Edu Lavandeira, O Pelouro, cunha xornada de traballo na Panadería Morales e a receita de elaboración do seu pan.
Escoitarás tamén a Rosa, irmá de Emilio e compañeira de oficio, quen achega ao final un agradecemento ao oficio.
Podcast: Reproducir en una nueva ventana | Descargar