Imos coas cousas das comunidades veciñais, da vida nos pobos, nas cousas que afectan ao conxunto dos individuos en “Verás, verás que te vou a cuntar” co Ti Martiño.
Este sería xa o Episodio 7 con Martín Gordo Mostaza, home centenario de La Tejera, no concello de Hermisende, na provincia de Zamora.
A temática da vida comunitaria é moi extensa, por iso debes saber que o que traemos hoxe aquí é o primeiro de tres episodios onde falaremos co Ti Martiño destas cousas, e que pechará, non sei se de maneira definitiva este Retrato Sonoro con Martín. Estou a darlle unhas voltas ao tema.
Neste que escoitas no día de hoxe falamos de alcumes, nomeadas, adeallos ou como se diría en castelán dos apodos ou motes; a memoria de Martín fai que a conversación derive a diferentes aspectos por exemplo idiomáticos ou xeográficos destes asuntos, polo que os afrontamos desde diferentes maneiras de velos. Apodos de lugares, nomeadas familiares e das diferentes maneiras de aceptar (ou non) os alcumes.
Logo falaremos coas persoas que tiveron que marchar, sobre todo a Buenos Aires (Arxentina). Moitas das persoas que escoitades, estamos seguros que como galegas e galegos que sondes, entenderedes do que fala Martiño. Canta xente fixo cartos, canta non e canta da que nunca máis se soubo, unha vez marchou.
Por último Martiño falará dos xogos rurais infantís. Habería de todo, pero Martín, o Ti Martiño, recorda moi ben cómo eran eses xogos e como os mozos non deixaban que os máis cativos estivesen ao seu carón…
Este podcast é editado por Jordi Mirindo, coa miña voz, Fidel Mouzo; os vídeos curtos que podes ver nas redes sociais son escollidos e editados por Emmanuel Vázquez e a voz da entrada e saída do podcast, de Lorena, Dumakae en Twitter
Podcast: Reproducir en una nueva ventana | Descargar