Benvidos de novo a ‘Retrato Sonoro’, onde seguimos co noso serial ‘Da cepa á bodega’, unha viaxe polo mundo do viño coa colaboración de Jorge Marcote, viticultor e creador de viños.
Nos primeiros episodios tivemos a oportunidade de coñecer a fondo a Alfredo Álvarez. No primeiro episodio, Alfredo falounos da súa traxectoria e das tradicións familiares relacionadas co viño. No segundo, abordamos a sumillería e a conservación dos viños en restauración. No terceiro, Alfredo explicounos como elaborou o viño Rubines e compartiu unha curiosa anécdota sobre o consumo de viños en tempos de crise.
No episodio de hoxe, falaremos de viños, e non podía faltar a proba dos viños de Alfredo, que faremos neste punto da conversa. Como poderedes escoitar, os ruídos da cata acompañan o noso diálogo, todo iso maridado coas viandas coas que nos agasallou Lourdes. Ademais, sairá o tema de por que, a pesar de estar en idade de xubilación, Alfredo segue traballando noutro restaurante que non é o seu.
A conversa levaranos a falar do mundo da hostalería, das propostas innovadoras que Alfredo puxo en marcha nos seus locais, e da súa experiencia traballando varios anos en Canarias. Finalmente, chegaremos a un dos momentos cúlmenes da entrevista: a historia de Casa Alfredo, o seu nacemento e a súa revolución gastronómica no concello de Mos, preto de Vigo.
As voces usadas para nomear o episodio e o seu título son de Lara e Alba. Grazas ás dúas.
Podcast: Reproducir en una nueva ventana | Descargar