Boas, benvidas e benvidos a un novo episodio de Retrato Sonoro, presentado e producido por Fidel Mouzo. Retomamos o espírito inicial do podcast, deixando momentaneamente o serial sobre o viño con Jorge Marcote en Da cepa á bodega. Hoxe propoñémosvos unha viaxe ao pasado da man dunha muller coa que sempre asocio mestría: María Loira Enríquez, arqueóloga, investigadora e profesora na UNED, onde tiven a sorte de tela como mestra.
Nesta conversa, que non é unha entrevista ao uso, falamos de historia e de moito máis: das miñas teimas persoais, do que aprendín con ela sobre a Gallaecia romana, e da sorte de contar con profesoras que esperten a curiosidade e o desexo de investigar.
Normalmente en Retrato Sonoro, a conversa comeza cunha fotografía achegada pola persoa convidada. Unha imaxe que resume o camiño. Pero hoxe tróuxena eu: comezamos falando do crismón de Quiroga, tamén presente no podcast Limiar, e desde aí abordamos a romanización, os territorios ártabros, a mestura de culturas, os castros, pedras formosas, e as pinturas murais nas vilas romanas de Cambre e A Coruña.
FOTO CRISMÓN. Procedencia, páxina de Turismo da Deputación de Lugo
Unha das pinturas nunha posible Domus Ecclesiae na cidade de A Coruña, estudada por María, e da que tedes a ligazón no parágrafo anterior, pódese visitar no Museo Arqueolóxico da Coruña e é especialmente enigmática.
Tamén falamos do papel silenciado pero esencial das mulleres no cristianismo primitivo, e da súa relevancia na historia.
Este episodio non pretende ser unha lección académica, senón un convite a mirar ao pasado con respecto e ilusión, esa que María define como “o mellor antirrugas”. Así debuxamos unha Galicia inserida nun imperio, pero tamén chea de humanidade e identidade propia. Porque, como di María, falamos latín…
Nesta introducción non está, nin moito menos, presente todo o contido da conversa… para iso terás que escoitarnos a María Loira e a mín…
Agradecemento especial á dirección do Centro Asociado UNED da Coruña por permitir a gravación deste episodio nas súas instalacións. Un xesto que honra á institución
FOTOGRAFÍA DE MARÍA LOIRA ENRÍQUEZ. DOADA POLA PROTAGONISTA
Podcast: Reproducir en una nueva ventana | Descargar