“Da cepa á bodega”: de sacar ollos. de facer viños de autor e viños “frikis”.
Benvidos a un novo capítulo de «Retrato Sonoro». Neste segundo episodio da nosa serie especial «Da cepa á bodega» con Monsalve e Marcote, seguimos mergullándonos no mundo do viño da man dos nosos copartícipes na conversa Javier e Jorge.
No primeiro capítulo, aquel que demos en chamar “En Arnoia, de viaxes vitais e historias inspiradoras” comezamos coñecendo as historias persoais de Javier e Jorge e a súa conexión co mundo do viño, destacando a importancia de seguir as nosas paixóns, aínda que estas non estivesen planeadas desde a infancia. Nesta ocasión, falaremos sobre a relación entre o rural e o urbano, e as colaboracións que deberían existir na zona da D.O. Ribeiro. Este tema levaranos a unha reflexión sobre a mentalidade galega, coa súa sabedoría popular que ás veces nos fai sorrir, como esa frase que di: «Algún galego prefire perder un ollo pero que a ti che quiten os dous».
Imos falar dos viños de autor, moito. Deses viños únicos que destacan pola súa diferenciación e innovación que ten que ser anual, con cada colleita. É non é calquera cousa pois foi a motivación maior que tivemos para gravar esta serie de podcasts con Javier Monsalve e Jorge Marcote.
Exploraremos o que realmente implica a creación dun viño de autor, desde o coñecemento do terreo e do equipo necesario ata a produción dun produto final excepcional.
Tamén tocaremos o tema dos «viños frikis», aqueles viños con condicións especiais que os fan destacar no mercado.
Finalmente, discutiremos a importancia de que cada viño conte unha historia. Estas narrativas non só engaden valor ao viño, senón que tamén reflicten a paixón e o esforzo postos na súa creación.
Así que, preparádevos para unha conversa chea de aprendizaxe, anécdotas e reflexións sobre o mundo do viño. E como sempre decimos, agardamos que gocedes deste episodio tanto coma nós ao gravalo.